miércoles, 12 de abril de 2017

VIAXE BILBAO-ATAPUERCA

Durante a semana previa á semana santa, os meus compañeiros de máis eu de primeiro de bacharalato realizamos unha viaxe a Bilbao e Atapuerca. Descubrimos moitas cousas interesantes, así que aquí vos deixo unha versión máis curta da nosa experiencia.


DÍA 1

Sobre a una da tarde chegamos a Fromista (Palencia), unha pequena localidade de Castela e León onde se atopa unha das maiores atraccións da comunidade: a igrexia de San Martín de Fromista. Se trata dun templo románico construido no século XI a petición de dona Mayor de Castilla, que se atopa na ruta do Camiño de Santiago. 
Tras admirar a construción por dentro e por fora coa axuda dun guía, fomos cara a Igrexia de Santa María del Castillo onde visualizamos o espectáculo de luz e son chamado Vestigia polo que destaca esta construcción. O guía introduciunos durante máis de media hora a unha exhibición de estatuas con multimedia, cores, historias bíblicas,etc.,onde destaca a figura de San Telmo, patrón da xente do mar e sobriño do Obispo de Palencia que foi nomeado canónigo no século XIII.





Máis tarde nos achegamos dando un paseo até o canal de Castilla, camiño moi transitado pola xente que fai o Camiño de Santiago. O guía informounos acerca da obra hidráulica  achegada pola Ilustración e realizada entre os séculos XVIII e  XIX, nunha etapa onde era preciso aumentar a produción de trigo e mellorar a comunicación.
Voltamos ao autobús onde estivemos arredor dunha hora e media até chegar a Bilbao. A pesar de que tiñamos planeado visitar o mirador de Artxanda ao día seguinte, aproveitamos o bo tempo e fomos ata alí. Estivemos media hora tomando fotografías e, despois, nos achegamos até o hostal onde pasaríamos dúas noites. O Ganbara Hostel atópase na rúa Pim Kalea, preto da famosa praza de Unamuno e ao carón do centro de Bilbao.
Eu xa estiven en varias ocasión porque teño familia alí, polo que puiden orientalos. Percorremos a ponte do concello, pasando polo teatro Arriaga e fomos camiñando até a Gran Vía. Pola rúa algúns pararon a mercar nas tendas mentras o resto tomábamos fotos e falabamos coas nosas familias. Xa entrada a noite, decidimos cear non moi lonxe do hostal e acordamos en ir á famosa Praza Nova, construida no século XVIII e lugar de encontro para os habitantes, ademáis de estar chea de bares. Alí degustamos os famosos pintxos da zona e quedamos encantados até que decidimos voltar ao hostal coa chegada da choiva. Os oito fomos a habitación e algúns de nós decidimos ducharnos nese intre. Estivemos a falar até a madrugada, cando decidimos descansar para o día seguinte. 





DÍA 2 

Había boa temperatura aínda que chuviscaba un pouco. Pasamos pola praza de Unamuno e pola ponte do concello até chegar ao paseo que se percorre seguindo a famosa ría de Bilbao, que é na súa totalidade, a desembocadura dos ríos Nervión e Ibaizábal. Dende alí contemplamos o concello de Bilbao, un dos máis recoñecidos no noso país, que se atopa na praza de Ernesto Erkoreka e que foi nomeado como vila máis “transparente” pola Transparencia Internacional nos anos 2008, 2009 e 2010; así mesmo, Bilabo recibiu en 2010 o premio Lee Kuan Yew World City Prize en recoñecemento á mellor cidade en canto asuntos políticos, sociais, etc. Tamén contemplamos a famosa escultura de ferro, unha obra chamada Variante ovoide da desocupación da esfera construida por Jorge de Oteiza, un dos máximos representantes da Escola Vasca de Escultura.
Seguimos o noso percorrido atendendo aos diversos edificios e bares que rodeaban a zona até admirar outras das características da cidade: as torres de Isozaki. Se trata dun complexo de sete edificios dos que destacan as monumentais torres construidas polo xaponés Arata Isozaki en colabroación co vasco Iñaki Aurrekoetxea. Puidemos atravesar a famosa ponte Zubizuri ou de Calatrava, onde as vistas cara ás torres eran impresionantes. A ponte foi construida polo arquitecto Santiago Calatrava e se trata dunha estrutura inclinada con escaleiras aos lados. Tivo moitos problemas ao longo dos anos, xa que, as baldosas de cristais, facían que a xente resbalar até tal punto que tiveron que protexelas. Alí todos nos fotografíamos coas vistas e seguimos o camiño do río,ata acabar na ponte de Deusto onde paramos para observar todo. Seguimos camiñando e dimos volta cara o Museo Guggenheim.
O museo é a maior atracción da cidade. Foi construido polo arquitecto canadiense Frank O. Gehry e inaugurado polo ex-presidente en 1997. Percorrimos o museo e quedamos na entrada.


Comimos case todos no centro comercial Zubiarte e logo dimos un paseo polos arredores. Antes de marchar paramos na xeladería Amorato, famosa polos seus xeados italianos e de ahí, camiñamos polo centro da cidade ata chegar á Alhondiga tamén chamada Azkuna Zentroa. Esta era o antigo almacén de viño que ardeu a comezos do século XX e que foi reformada e inaugurada no 2010, como centro de ocio e cultura. No interior albérgase unha biblioteca, diversos restaurantes, unha piscina da que podemos ver o fondo e a súa principal característica: as columnas decoradas. Estas representan diversas sensación a través das formas e, por iso, cada un de nós decidimos por medio da fotografía cal era a que máis nos identificaba.


Tras o paseo marchamos en autobús cara Portugalete, unha provincia de Vizcaia ás aforas de Bilbao, que está entre media da ría de Bilbao e o río Ballonti. É unha zona moi bonita aínda que non puidemos disfrutala moito. Destaca a ponte de Vizcaia, inaugurado en 1893, creado por Alberto dePalacio y Elissague que seguiu un pouco a estrutura da Torre Eiffel. Averiguamos nese momento que a parte alta estaba aberta dende facía pouco e que íamos traspasala. Tras este percorrido voltamos ao autobús. Este parou no estadio de fútbol San Mamés, considerado dos mellores campos de todo o mundo pola recente reconstrución, e que tamén porque proporciona un fútbol baseado no emprego da cantera como xeito de conservación dos valores do propio deporte. O resto de nós decidimos parar no centro para achegarnos á zona de compras. Tras tempo mercando e vendo tendas, camiñamos pasando o Mercado de abastos até chegar a un supermercado onde collemos cousas para a comida do día seguinte.


Á volta preguntamos á xente se coñecía algún sitio para cear e recurrimos a unha pizzería chamada Pizza Vía, cuxas pizzas son famosas polas tremendas dimensións. Ceamos alí unhas 5 ou 6 persoas e voltamos camiñando ata o hostal. Finalmente marchamos
cada un para o seu lugar e tentamos durmir.




DÍA 3

Estivemos arredor de dúas horas no autobús até as 11:30 ao parque arqueolóxico de Atapuerca. Alí esperamos a coñecer ao noso guía e comezamos a visita guiada. Se trataba dun inmenso campo cheo de espazos divididos segundo o que nos ía contando o profesional. Falamos de como os nosos antecesores desenvolvéronse nun primeiro momento nas terras africanas. O guía esclareceu como o erro máis habitual, esa crenza de que dende a orixe, nos fomos depredadores natos. Ante as dimensións dos mamíferos que habituaban (osos das cavernas, rinocerontes, cervos,etc.) non tiñamos a suficiente forza e astucia como para cazalos; polo tanto, nacimos sendo carroñeros, alimentándonos dos restos que deixaban outros.


A medida que tiñan contacto coa natureza, o guía explicounos como empregaron as pedras.
Outra das partes de visualizamos foron as pinturas rupestres feitas con diferentes cores a partir das pedras. Por último, observamos como o guía realizaba lume.

Tras esa visita, achegámonos ao xacemento de Atapuerca. Alí descubrimos como en lugar de haber covas tradicionais, todo o camiño eran covas que, debido á construción séculos atrás do ferrocarril na Gran Dolina, estas estaban abertas aos nosos ollos. O guía seguiu explicando a evolución dos seres humanos cos proceso de hominización.


 Para min foi das mellores partes da excursión xa que o guía sabía moitísimo e interactuou moito con nós, e averiguamos moitas cousas dos nosos antepasados.
Máis tarde paramos a xantar nunha aldea, e marchamos cara Burgos até as 4 e algo da tarde. Alí repartimos as habitacións no Hostal Acanto e descansamos antes de comezar a visita.
Outro guía levouno a coñecer a Cartuja de Miraflores, un monasterio da Orde dos cartuxos, de estilo gótico, orixinado arredor de 1442 co rei Juan II de Castela, pasando polas mans de Isabel a Católica, filla do rei que foi sepultada no presbiterio do templo. Alí puidemos observar o interior do monasterio e coñecimos a vida que levan os monxes, como estos gardan voto de silencio durante toda a semana excepto unha hora o domingo, as reducidas comidas, os traballos dos “irmáns” e as obrigas dos “pais”, os estudos mínimos de 8 anos para entrar sabendo latín, grego, filosofía,etc. Pareceunos moi interesante aínda que non nos imaxinamos facendo esa vida.

Tras a visita, fomos ao centro de Burgos, e introducímonos da catedral. Esta é impresionante, un templo de culto católico, construido arredor do 1221, que foi na época e na actualidade, das catedrais máis representativas do mundo. O guía falounos de todo o exterior no que que destacan detalles góticos como a Porta Sacramental, a Porta dos Apóstolos, as altas bóvedas de crucería,etc., así como todos os enormes retablos bañados en ouro do interior, as esculturas e cuadros, o tímpano horizonal, os libros musicais, a tumba do Cid Campeador e da súa muller Ximena, os relieves, así como todo o arte con tres escultores fundamentais: Diego de Siloé, Gil de Siloé e Felipe Vigarny.


Máis tarde deixáronnos tempo libre e os meus amigos e máis eu aproveitamos para coñecer o casco da cidade, o camiño que segue o río Arlanzón, as prazas e estatuas, mentres tomábamos fotografías. Xa de noite, conseguimos atopar un restaurante de tapas para os 14 que íamos. O sitio foi recomendado por unha familia á que preguntamos na rúa e a verdade e que quedamos moi contentos e puidemos gozar dunha boa cea con alimentos típicos da zona. Sobre as once tomamos o autobús con outros compañeiros e os profesores, e nos diriximos ao hotel onde descansamos até o día seguinte.


DÍA 4 
Saímos as once e nos achegamos até o Museo da Evolución Humana de Burgos, onde tivemos ata as doce para ver pola nosa conta unha pequena exposición astronómica e a libraría onde atopamos moitos libros relacionados cotema, e apuntamos o título de algúns para ter en conta na biblioteca do noso instituto. Repartímonos en dous grupos e realizamos unha visita guiada por todo o centro.


Durante a visita puidemos ver diversos vídeos que falan do traballo da arqueoloxía na zona de Atapuerca, así como as características dos restos que nos ensinou de especies anteriores e de animais de millóns de anos. Tivemos a oportunidade de entrar na reconstrución do barco de Charles Darwin, o Beagle, onde estaba o camarote, a imitación do seu despacho,etc., e puidemos falar sobre os seus estudos nas Galápagos que nos axudaron a coñecer a nosa orixe e investigar sobre a esencia humana: a teoría da evolución.



A visita encantounos e deunos pena ter que marchar de alí. Collimos de novo o autobús e paramos arredor das 14:00 para xantar e descansar ata a que foi a nosa derradeira parada. Fomos cunha visita guiada á vila romana da Olmeda, situada en Pedrosa de la Vega (Palencia), que se trata dunha antiga explotación agrícola dividida en tres tempos: o século I, a reedificación do século III e a destrución do VI. Percorrimos a vila e nos informamos de como era o lugar na época, dosrestos das salas dos baños en tres seccións: frigidarium, tepidarium e caldarium, os vestiarios e habitacións dos palacetes, as antigas vivendas, os mosaicos pavimentados no chan con diversos símbolos no que nos chamou a atención as esvásticas que vimos e que eran empregadas como adornos neses séculos, os restos das necrópolis,etc. Para rematar visualizamos un vídeo a modo de resumo e marchamos arredor das 17:30 ao autobús para voltar á Vigo sobre as 11 da noite.









A min, particularmente gustoume moito a excursión. A pesar de que xa estiven en zonas como Bilbao, puiden descubrir novas cosas que non decatara nas anteriores viaxes como por exemplo as novas exposicións do Museo Guggenheim. A miña parte favorita dos catro día foi as achegadas ao parque arqueolóxico de Atapuerca e ao Museo da Evolución Humana, xa que aprendimos moito sobre temas antropolóxicos e filosóficos e intrigoume ese mundo de tal xeito que andiven a investigar acerca da propia carreira universitaria. Para futuros estudantes e familias, recomendo esta viaxe (a pesar de ser un pouco curta), para coñecer novas terras e monumentos, así como para averiguar máis cousas sobre o noso patrimonio.


2 comentarios: